Combater o VIH/Sida e a malaria
Introdución

Enfermidades como o VIH/SIDA, a malaria ou a tuberculose non só afectan gravemente á saúde das persoas, especialmente nos países pobres, senón que tamén supoñen un obstáculo para mellorar a súa calidade de vida e conseguir un desenvolvemento sostible.  

De xeito similar, a pobreza, a desnutrición ou a falta de tratamentos agravan aínda máis estas enfermidades, polo que combatelas e reducir o seu impacto, resulta esencial para avanzar no resto de Obxectivos.

Metas do ODM 6
  1. Deter e comezar a reducir a propagación do VIH/SIDA antes de 2015.
  2. Acadar, para 2010, o acceso universal a tratamentos para o VIH/SIDA para aquelas persoas que o precisen.
  3. Deter e comezar a reducir a incidencia da malaria e doutras enfermidades graves antes de 2015.
¿Sabías que?
  • O VIH/SIDA está entre a catro causas principais de mortalidade no mundo. Durante 2006, 2,9 millóns de persoas perderon a vida por esta enfermidade.
  • Nos países en desenvolvemento, o 89% das mulleres embarazadas portadoras do virus non pode acceder a tratamentos que evitarían o contaxio do VIH aos seus fillos.
  • Por rexións, a África subsahariana é unha das máis afectadas xa que alí se atopa o 64% dos infectados polo virus.
  • A malaria afecta a 500 millóns de persoas ao ano. Os nenos e as mulleres son os máis prexudicados.
  • Nacións Unidas estima que as mortes provocadas pola malaria reducen o crecemento dos países africanos nun 1,3% ao ano.
  • A tuberculose causa 1,7 millóns de mortes ao ano. Nos países da África subsahariana e Asia o número de enfermos está crecendo máis rapidamente.
Como acadar o ODM 6

A pesar de que nalgúns países o alivio da débeda permitiu liberar recursos económicos para afrontar enfermidades como o VIH/SIDA ou a malaria, as contribucións dos países doantes aínda son insuficientes.

Rose Rwabasinga, viúva con tres fillos que viven co VIH/SIDA en Ruanda, vendeu o seu automóbil e as terras que tiña para poder comprar antirretrovirais e sacar á súa familia adiante.

En 2004, grazas á axuda dos doantes internacionais, o goberno de Ruanda comezou a ofrecer gratuitamente estes medicamentos ás persoas infectadas.

"Foi realmente duro, chegou un momento no que non tiña nada máis que vender", recorda Rose. "Se o acceso a estes medicamentos houbera chegado máis tarde, incluso podería haber morto".