Garantir un medio sostible
Introdución

A redución da pobreza require dun planeta san. Os ODM recoñecen a sostenibilidade ambiental como eixo fundamental para o desenvolvemento.

Desgraciadamente, a explotación de recursos naturais causou cambios alarmantes no noso planeta nas últimas décadas.

Os países pobres son máis vulnerables ao cambio climático e a degradación medioambiental, porque dispoñen de menos recursos para contrarrestar os seus efectos, e son tamén os máis dependentes das materias primas.

Metas do ODM 7
  1. Incorporar os principios do desenvolvemento sostible ás políticas nacionais, e inverter a perda de recursos do medio.

  2. Reducir a perda da biodiversidade, acadando unha redución significativa da taxa de perda para 2010.

  3. Reducir á metade a porcentaxe de persoas que carecen de acceso sostible a auga potable e aos servizos básicos de saneamento para 2015.

  4. Ter mellorado considerablemente a vida de polo menos 100 millóns de habitantes de tugurios para 2020.
¿Sabías que?
  • Aínda que o número de persoas que ten acceso á auga potable aumentou notablemente nos últimos anos, 1.100 millóns de persoas, aproximadamente o 20% da poboación mundial, carecen de acceso.
  • Nos países en desenvolvemento, 2.600 millóns de persoas non dispoñen de infraestruturas sanitarias básicas.
  • O crecemento da poboación e a falta de recursos obrigan a 600 millóns de persoas a vivir en chabolas en cidades de África, América Latina e Asia, con graves consecuencias para a súa saúde.
  • Nos últimos 15 anos, o mundo sufriu a perda do 3% da súa superficie forestal, debido sobre todo á conversión de bosques en terras de cultivo nos países máis pobres.
Como acadar o ODM 7

Resulta imposible abordar de xeito eficaz a loita contra a pobreza no mundo sen ter en conta os efectos que o cambio climático ten, por exemplo, na agricultura, ou na propagación das enfermidades.

Pero tampouco podemos facer fronte de xeito efectivo ao cambio climático, a non ser que o tratemos tamén dende a perspectiva do desenvolvemento.

Para reducir a pobreza, os países en vías de desenvolvemento precisan dun maior acceso a recursos enerxéticos. As fontes das que proceda esta enerxía terán, sen dúbida, un importante impacto no medio.

Os países en desenvolvemento deben axudar aos máis pobres a mellorar a súa capacidade de adaptación cara un modelo de desenvolvemento sostible a través da transferencia de tecnoloxía e apoio financeiro.

Apoiando inciativas como a emprendida polo goberno de Madagascar en 2007, o cal estableceu 15 novas áreas de conservación que abranguen máis de 2,65 millóns de acres.

Os novos parques servirán para protexer varios ecosistemas ameazados, incluíndo os humidais e as selvas.