- Castellano
- Català
- Euskera
- Galego
Alianza global para o desenvolvemento
Introdución
O Obxectivo 8 establece que todos os países, pobres e ricos, deben traballar conxuntamente para a erradicación da pobreza.
O maior compromiso para avanzar nos ODM corresponde aos Estados. Os países desenvolvidos teñen de achegar máis e mellor axuda ao desenvolvemento, aliviar a débeda externa e abrir o comercio aos países máis pobres.
Pola súa parte, os países máis pobres teñen de fortalecer as súas institucións e deseñar unhas políticas de desenvolvemento que garantan servizos sociais básicos e adecuados aos seus cidadáns.
Metas do ODM 8
- Desenvolver aínda máis un sistema comercial e financeiro máis aberto, baseado en normas, previsible e non discriminatorio.
- Atender as necesidades especiais dos países menos adiantados a través de medidas como o acceso libre de aranceis e límites das exportacións, o alivio da débeda e a cancelación da débeda bilateral oficial e unha maior asistencia.
- Atender as necesidades especiais dos países sen litoral e dos pequenos Estados insulares en desenvolvemento.
- Aliviar a débeda dos países en desenvolvemento en xeral, con medidas nacionais e internacionais a fin de facer a débeda sostible a longo prazo.
- En cooperación coas empresas farmacéuticas, incrementar o acceso a medicamentos accesibles.
- En colaboración co sector privado, reducir a brecha tecnolóxica e dixital entre países.
¿Sabías que?
- Os países desenvolvidos prometeron xa en 1970, destinar o 0,7% da súa riqueza para AOD. Hoxe, 37 anos despois, só 5 países cumpriron a súa promesa: Luxemburgo, Holanda, Dinamarca, Noruega e Suecia.
- España destinará o 0,5% do seu PIB a AOD en 2008 e ten previsto acadar o 0,7% para 2012.
- Nacións Unidas considera que para acadar os ODM, os países doantes deberían inverter como mínimo o 20% da súa axuda en servizos sociais básicos. España non acadou aínda esa porcentaxe.
- O G8, os 7 países máis ricos do mundo e Rusia, aprobaron en 2005 a Iniciativa de Alivio da Débeda Multilateral para os 18 países máis pobres do mundo. Hoxe, esta medida aínda non se fixo efectiva.
- Nacións Unidas estima ademais que as regras de comercio internacionais actuais privan aos países pobres de 520 millóns de euros en ingresos cada ano.
- As barreiras proteccionistas afectan especialmente aos produtos agrícolas, o medio de subsistencia do 70% da poboación que vive en áreas rurais.
España e o ODM 8
España, nos últimos anos, fixo grandes avances orientados a acadar o ODM 8.
Destacamos o incremento da Axuda Oficial ao Desenvolvemento ata chegar ao 0,5% do PIB, os grandes esforzos para ter a planificación participativa da cooperación, a aprobación dunha lei reguladora da débeda externa, e o avance cara un consenso social en materia de cooperación ao desenvolvemento.
Non obstante, aínda quedan grandes reformas por acometer:
En primeiro lugar, débese avanzar cara a unha coherencia das distintas políticas do Estado. Non se trata de traballar nunha política de desenvolvemento, senón que todas as políticas traballen para o desenvolvemento; xa sexan políticas comerciais, de migracións, financeiras, ou de calquera outra índole.
En segundo lugar, é necesario seguir mellorando a calidade da axuda, para que os recursos destinados á cooperación contribúan de xeito eficaz á consecución dos ODM. Por iso, tamén é importante que esta axuda se destine a aqueles países que teñen maiores dificultades para acadar os ODM.
Por último, para que a axuda sexa realmente efectiva é imprescindible que os distintos actores que traballan na cooperación (a administración central, as ONGs, os gobernos locais, as universidades, as caixas de aforro, etc.) traballen de forma coordinada e complementaria.

